Xoves, día libre... Confeso que ver a placa antiga da rúa coruñesa do Papagaio me moveu a colle-lo bus e a desprazarme ata Padrón, nun día esplendoroso. Ás 11 xa estaba axiña na porta da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, sen saber que a visita sería guiada.
As casas dos cóengos da Colexiata de Iria Flavia, aldeíña que está fóra da vila de Padrón, pero pertencente ó Concello, acollían cada unha delas a unha obra de don Camilo: textos manuscristos, edicións, traducións, críticas, reseñas en prensa, versións cinematográficas, lugares físicas de escritura e placas dos nomes das rúas nas que se xestou a obra literaria.
A parte de arriba está adicada a coleccións persoais e curiosas do escritor, propiedades del, patrimonio cultural e labor editorial do escritor e da Fundación... Como colofón o grande xardín que hai de resultas de tira-los muros das casas e de xuntar todo o espazo (as casas están unidas polas portas e a solaina de galería branca distingue a sé da Fundación das outras casas doutros particulares, entre elas a do cura da Colexiata, patrimonio do Arcebispado...).
Ver con tempo, antes de xantar á beira do río, o camposanto de Iria, coa campa do escritor facilmente identificable, a unha beira do camposanto e ter conta do tempo para marchar no tren (un pracer persoal. Inda me deu tempo a unha visita rápida á casa de Rosalía, anovada e brillante nun día de bo tempo...) foi a fin dunha viaxe desexado, despois de botar tempo sen ausentarme da Coruña no tempo libre...
Ningún comentario:
Publicar un comentario