Amosando publicacións coa etiqueta A Coruña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Coruña. Amosar todas as publicacións

sábado, 19 de abril de 2025

Vodas de ouro

 Tamén era domingo cando fai cincuenta anos estas dúas belezas decidiron casar... orgulloso deles sempre... mágoa que o xardín de San Carlos estea aínda pechado...


xoves, 14 de marzo de 2024

¡Salta!


Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento.
Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xeración dos 80 e a destes anos, a través, sobre todo, da súa tecnoloxía.
É un canto á afectividade máis desinteresada, espontánea, a través da convivencia de dous nenos irmáns en pleno tempo libre de verán nun barrio popular urbano moi diferenciado dentro da Coruña.
O pasado e o presente conviven no mesmo lugar, cos seus choques.
Momentos de humor, aventura, pero tamén... e ata aquí podo ler.
Védea: está xa en deuvedé.

domingo, 16 de abril de 2023

Don Carlos

Morreu un querido amigo, Carlos García Cortes.
Compartimos moitas conversas desas cultas, era un erudito na fe católica, na cultura galega e na nosa Coruña.

Deixo ligazóns dos ecos da súa morte.

https://www.laopinioncoruna.es/coruna/2023/03/29/fallece-sacerdote-docente-escritor-corunes-85319383.html

https://parroquiadesanantonio.org/2023/04/08/funeral-de-d-carlos-garcia-cortes/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2023/04/15/carlos-garcia-cortes-corunes-sacerdote-mestre/00031681553465203888925.htm



xoves, 27 de outubro de 2022

Defuntos

Hoxe tocou pola mediodía a ruta dos cemiterios. É a miña celebración dos Defuntos, dos que tanto me deron. Desde Feáns ata San Amaro. Tranvías de La Coruña ten un servizo eficiente de longa distancia e sabendo dos atallos podes aproveita-lo tempo. A morte así tórnase unha lembranza agradecida e chea de paz, cánta paz dá camiñar polo silencio dos nosos antergos camposantos, lonxe de tantos ruídos e da frivolización da morte, ese feito biolóxico que tanto impresiona e que nos deixa fóra de xogo...

venres, 1 de outubro de 2021

Fuliada na vila


En xuño merquei por fin este libro escrito co corazón por unha persoa que teimudamente quere salvar as súas raíces.

Conseguiu acceder ás cancións da súa avoa que escoitara de neno grazas ó labor dunha musicóloga que percorreu Galicia despois de asistir a clases de galego no verán na Universidade de Santiago. Grazas ós contactos conseguiu acceder a esa muller que volveu varias  décadas  despois á nosa terra, moito despois da morte das súas informantes.

Ricardo, Richi, Casás Salgado recupera o repertorio da aldea na que botou moitos días de lecer na nenez, pero interpretado coa súa formación de jazz e conservatorio.

domingo, 3 de maio de 2020

Saída...

Nunca esquecerei a saída de onte, ver cunha tardiña de sol espléndida o mar, tocalo, pisa-la area, ir ós espazos verdes: Vioño, Sta. Margarida, Paseo das Pontes.
Volver coa noite.
Ver tanta xente, ver que era prudente.
A vida, a ledicia.
Ve-la vida cos ollos do amencer.
Dar grazas a Deus de corazón por esta sinxela marabilla.

mércores, 15 de abril de 2020

domingo, 12 de abril de 2020

Abril raro e querido

Un abril cheo de lembranzas familiares... do día de nacemento de mamá, da súa voda ó día seguinte, do nacemento da súa xefa...

xoves, 30 de maio de 2019

Atardeceres coruñentos.

Saír de traballar, gozar do solpor no mar do Orzán, camiñar e camiñar pola inmensidade do paseo indo polo Matadoiro, polas Lagoas, pola Torre.
Vai anoitecendo, chego a San Amaro, xa é noite cando vou por Pelamios e San Antón.
Toca subir pola Marina e polos Cantóns.

luns, 25 de febreiro de 2019

Aldeas

Gozamos hoxe dun día marabilloso no concello, e entrei nunha das poucas aldeas virxes da Coru, aínda rural, entrando desde o lugar do Loureiro na mesma freguesía de San Pedro de Visma.

mércores, 16 de xaneiro de 2019

Cabaliños...

Expo da reprodución dos animais mariños no Acuario da Coruña. Os cabaliños machos son os que teñen o embarazo.

luns, 19 de novembro de 2018

No Acuario da Coruña...

Da miña visita do pasado xoves ó Acuario coruñés dentro da Semana da Ciencia, con entrada gratuíta os museos municipais do meu concello. Son medusas.

martes, 3 de abril de 2018

Curiosidades...

Levo tempo sen publicar. Fareino con este pequeno texto posto noutro sitio...

"Encantoume onte o artigo de Xosé Alfeirán sobre a antiga ermida medieval da Illa do Pé ou de San Coral (Conrado) na zona do monte de San Pedro, adicada a San Coral. Nos textos antigos figuraba como punto de referencia con respecto á Torre de Faro (Faro é o antigo nome de Coruña e Torre de Faro é a Torre de Hércules, tamén chamado Castillo Viejo). É a illa que, indo cara ao Portiño ou Seavella, ten un pequeno camiño de rochas en marea baixa."

martes, 7 de novembro de 2017

"Esquece Monelos"...

Por terceira vez fun ver "Esquece Monelos" nos Cantones Cines de Los Cantones Village na Avenida do Porto da Coruña. Segue unha semana máis pola resposta da xente que foi vela na primeira semana, semana difícil polas actividades lúdicas do "Samaín-Halloween-Defuntos". Mesmo había xente na hora máis difícil (última hora da noite). Isto demostra que cando algo é bo, aínda que sexa diferente ao que se adoita ver en oferta comercial, triunfa. Neste caso xogaba na casa (río emblemático do concello).

Neste caso o formato documental non se fai nada pesado e achega datos descoñecidos (sospeito): o nacemento na Furoca (próximo ó coñecido embalse de Meicende), o tramo aberto que está ó carón do parque de bombeiros en San Cristovo das Viñas, cunha zona completamente rural que sobresae de xeito diferenciado fronte ás edificacións industriais e de ocio (o todopoderoso Marineda que se ve ó fondo das poucas casas de aldea e animais que aínda resisten). Teño que recoñecer que non coñecía eu ese tramo a pesar de ir con frecuencia andado ata o Marineda pola Avenida de Arteixo e pola Estrada dos Baños de Arteixo, aínda que si que vía animais de campo nunha zona verde na que non se pode edificar por ir o oleoduto, que desde San Cristovo acompaña o río ata o mar na zona de San Diego. Si coñecía tamén un afluente que vai pola zona de monte do val de Feáns Vello, próximo ó camposanto e que logo vai polo Camiño de Montes (que une Feáns co Castro de Elviña).

É interesante ver os tramos subterráneos que moi pouca xente viu e sobre todo unha ponte (coñecida por unha fotografía que se pode ver con facilidade nas redes sociais) de pedra soterrada xusto debaixo do monumento ó Río Monelos (próximo ós chamados aínda hoxe "Novos Ministerios" e ó mítico Bar Os Belés, que nos amosa un dos poucos edificios da zona da Avenida de Monelos que non caeu nos anos sesenta na construción do polígono de San Pedro de Mezonzo e no que se pode cantar ó xeito tradicional).

Vemos a destrución do poboado chabolista (non só de xitanos) da Cubela. O río vese na zona de miseria e nas reflexións do patriarca (ó que, por certo, vin no camposanto de Feáns o día 1). É coñecido en fotografía o tramo descuberto fluvial que ocupaba Alcalde Marchesi de cara á Gaiteira e á ponte descuberta (aínda hoxe) da rúa que leva o nome do río, un dos poucos sinais descubertos do río no medio de todo o agachado (a mostra máis clara disto é o tramo verde de Someso, rego seco que para o ollo observador di o que había) (aínda que aínda hai no chan enreixados que permiten ver o rego subterráneo do río e as poucas anguias que sobreviven).

No medio da historia principal, o río dende Meicende até San Diego, a explicación científica e o drama familiar que supón a destrución das neuronas e da posibilidade de lembrar e aprender, de comunicarse e de amar.

martes, 10 de outubro de 2017

Superluna anaranjada...

El domingo pasado decidí bajar un rato al Paseo de Riazor. La noche estaba plácida, invitaba a un paseo nocturno. Cuando llegué a la Plaza de Portugal, la vi: una superluna anaranjada, "engaiolante", como decimos en gallego. Bajé hasta el arenal, fuí hasta las rocas que están enfrente del Playa Club; ella estaba más baja que de costumbre, encima de la iglesia de los Salesianos, al fondo, junto al Matadero o Berbiriana. La calma de este verano último de octubre invitaba a una paz que ahora no hay en el mundo...

venres, 15 de setembro de 2017

Pola Terceira Ronda...

O mércores pasado eu ía despois de xantar no Marineda pola Ronda do Deportivo da Coruña ou Terceira Ronda e en chegando á zona da resistente aldea da Gramela coincidín coa entrada de ovellas nunha das fincas privadas, a de maior extensión, que se pode ver mesmo desde o Ventorrillo. Até había ovellas no camiño público que vai desde o Centro Ágora ata a zona do Loureiro. Con bo tempo e neste verán derradeiro outonizo era un verdadeiro pracer fitar un dos poucos lugares verdes e con gando en activo do concello.

luns, 31 de xullo de 2017

Astronomía como cha contan...

Hai dous sábados fun por segunda vez a unha exposición que abriron a mediados de xullo na Casa das Ciencias. Esta expo vai estar moitos meses, e agardo que as excursións escolares do inverno non estraguen os módulos. Esta expo levou tempo preparala e necesitou dun equipo amplo de persoas. Paga a pena.

Con explicacións sinxelas e visuais, amósanos as informacións astronómicas que nos van chegando desde os medios de comunicación e analiza as razóns polas que son noticia os acontecementos astronómicos. Está de moita actualidade a contaminación lumínica que afecta á saúde dos seres vivos, desperdicia enerxía, gasta diñeiro e mata as estrelas e os planetas que poderiamos ver nos nosos ceos. Achega as solucións (sinxelas). Pero tamén nos fala dos exoplanetas que se descobren, dos astros curiosos, das expedicións de astronautas, dos satélites que se mandan, do cinema e da literatura que se crea a partir da contemplación do espazo exterior, do que pensamos e maxinamos arredor do que está máis aló do ceo...

Recomendo sinceramente vela. Só por achegarse ata o parque nun día soleado, pasear por aí, gozar da amabilidade do seu persoal, admirar as outras exposicións permanentes, máis antigas, contemplar na planta baixa o péndulo e os pitiños do día primeiro do primeiro dos museos científicos da Coruña... e mesmo ousar ver unha sesión de planetario (e, se empregan o proxector antigo analóxico, a vista pode ser de alucine...).

Sen dúbida, unha boa alternativa de ocio cultural para este agosto que comeza, unha boa excusa para visitar o concello no que nacín e no que vivo... Déixovos un pequeno artigo dun bo amigo, Hugo, que afonda máis e achega fotos...

Vodas de ouro

 Tamén era domingo cando fai cincuenta anos estas dúas belezas decidiron casar... orgulloso deles sempre... mágoa que o xardín de San Carlos...