luns, 31 de xullo de 2017

Astronomía como cha contan...

Hai dous sábados fun por segunda vez a unha exposición que abriron a mediados de xullo na Casa das Ciencias. Esta expo vai estar moitos meses, e agardo que as excursións escolares do inverno non estraguen os módulos. Esta expo levou tempo preparala e necesitou dun equipo amplo de persoas. Paga a pena.

Con explicacións sinxelas e visuais, amósanos as informacións astronómicas que nos van chegando desde os medios de comunicación e analiza as razóns polas que son noticia os acontecementos astronómicos. Está de moita actualidade a contaminación lumínica que afecta á saúde dos seres vivos, desperdicia enerxía, gasta diñeiro e mata as estrelas e os planetas que poderiamos ver nos nosos ceos. Achega as solucións (sinxelas). Pero tamén nos fala dos exoplanetas que se descobren, dos astros curiosos, das expedicións de astronautas, dos satélites que se mandan, do cinema e da literatura que se crea a partir da contemplación do espazo exterior, do que pensamos e maxinamos arredor do que está máis aló do ceo...

Recomendo sinceramente vela. Só por achegarse ata o parque nun día soleado, pasear por aí, gozar da amabilidade do seu persoal, admirar as outras exposicións permanentes, máis antigas, contemplar na planta baixa o péndulo e os pitiños do día primeiro do primeiro dos museos científicos da Coruña... e mesmo ousar ver unha sesión de planetario (e, se empregan o proxector antigo analóxico, a vista pode ser de alucine...).

Sen dúbida, unha boa alternativa de ocio cultural para este agosto que comeza, unha boa excusa para visitar o concello no que nacín e no que vivo... Déixovos un pequeno artigo dun bo amigo, Hugo, que afonda máis e achega fotos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...