domingo, 19 de novembro de 2017

As "catedrais" de Santiago...

Puxen o título dun xeito especial, pero vaise entender. O xoves aproveitei e, ao non ter compromisos e non estar aínda en temporada de Nadal (antes e durante), puiden ir a unha cidade á que, realmente, se pode ir sen ter un motivo, simplemente o de gozar polas súas zonas vella e nova. Compostela ten moi coidadas as zonas verdes e iso é un descanso para os sentidos.

Non é doada a visita ás alturas da Catedral de Santiago de Compostela polo tirón que ten e máis agora que existe a reserva por internet. Arrisquei e fun sen reservar á primeira hora. Co tren é sinxelo, estás nun chiscar de ollos na rúa do Hórreo e sobes por Orfas. Desviei cara á Rúa Nova e de aí por Xelmírez. A praza do Obradoiro estaba deserta. O grupo subiu ata a sala da exposición das esculturas do Mestre Mateo que estivo no Museo del Prado onde a guía, amable e clara, falou sobre a escultura do salón (salón de banquetes con escenas curiosamente de época con músicos e gastronomía e non estritamente relixiosa) e sobre as esculturas expostas, obra do Mestre Mateo de zonas da catedral, algunhas deterioradas polo sitio no que estaban e con restos aínda da policromía con detalles curiosos debido á dureza do material. Despois fomos até a tribuna, encima do Pórtico, con detalles sobre a traxectoria do botafumeiro e da utilidade da zona na que nos encontrabamos.

Subimos até os famosos tellados, xa concibidos para estar alí xa dende a construción da Catedral, sen dúbida para ver ao lonxe unha cidade que era moito máis pequena do que agora xa é (mesmo dentro da parte antiga: a propia rúa nova xa sería unha ampliación do espazo primitivo). Un detalle curioso é que o cabido obrigou a ter ben arranxados as casas do arredor para a boa imaxe da zona e mercé a esa preocupación estética por exemplo a praza do Obradoiro ampliou o seu tamaño. Eu descoñecía que normalmente se entraba pola Vía Sacra para entrar no antigo camposanto das Quintanas. O aumento das peregrinacións tivo a consecuencia dun maior adecentamento desa zona e da desaparición da acción funeraria. As cores do material empregado nas pedras revela a súa orixe. A próxima desaparición dos andamios exteriores e dos acabados da limpeza deixarán ao descuberto unha cor pouco común (fronte á gris comúns): amarela nas torres. A Cruz dos Farrapos e os sons da Berenguela poñen fin á visita, recomendable, como tamén é aconsellable a visita ao Museo e en especial ao Pazo de Xelmírez para ver a exposición das imaxes mateanas.

A outra "catedral" (brincadeira miña) é o Gaiás - Cidade da Cultura. Pero desta segunda parte da miña visita a este concello falarei noutra ocasión. Boas noites.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...