martes, 7 de novembro de 2017

"Esquece Monelos"...

Por terceira vez fun ver "Esquece Monelos" nos Cantones Cines de Los Cantones Village na Avenida do Porto da Coruña. Segue unha semana máis pola resposta da xente que foi vela na primeira semana, semana difícil polas actividades lúdicas do "Samaín-Halloween-Defuntos". Mesmo había xente na hora máis difícil (última hora da noite). Isto demostra que cando algo é bo, aínda que sexa diferente ao que se adoita ver en oferta comercial, triunfa. Neste caso xogaba na casa (río emblemático do concello).

Neste caso o formato documental non se fai nada pesado e achega datos descoñecidos (sospeito): o nacemento na Furoca (próximo ó coñecido embalse de Meicende), o tramo aberto que está ó carón do parque de bombeiros en San Cristovo das Viñas, cunha zona completamente rural que sobresae de xeito diferenciado fronte ás edificacións industriais e de ocio (o todopoderoso Marineda que se ve ó fondo das poucas casas de aldea e animais que aínda resisten). Teño que recoñecer que non coñecía eu ese tramo a pesar de ir con frecuencia andado ata o Marineda pola Avenida de Arteixo e pola Estrada dos Baños de Arteixo, aínda que si que vía animais de campo nunha zona verde na que non se pode edificar por ir o oleoduto, que desde San Cristovo acompaña o río ata o mar na zona de San Diego. Si coñecía tamén un afluente que vai pola zona de monte do val de Feáns Vello, próximo ó camposanto e que logo vai polo Camiño de Montes (que une Feáns co Castro de Elviña).

É interesante ver os tramos subterráneos que moi pouca xente viu e sobre todo unha ponte (coñecida por unha fotografía que se pode ver con facilidade nas redes sociais) de pedra soterrada xusto debaixo do monumento ó Río Monelos (próximo ós chamados aínda hoxe "Novos Ministerios" e ó mítico Bar Os Belés, que nos amosa un dos poucos edificios da zona da Avenida de Monelos que non caeu nos anos sesenta na construción do polígono de San Pedro de Mezonzo e no que se pode cantar ó xeito tradicional).

Vemos a destrución do poboado chabolista (non só de xitanos) da Cubela. O río vese na zona de miseria e nas reflexións do patriarca (ó que, por certo, vin no camposanto de Feáns o día 1). É coñecido en fotografía o tramo descuberto fluvial que ocupaba Alcalde Marchesi de cara á Gaiteira e á ponte descuberta (aínda hoxe) da rúa que leva o nome do río, un dos poucos sinais descubertos do río no medio de todo o agachado (a mostra máis clara disto é o tramo verde de Someso, rego seco que para o ollo observador di o que había) (aínda que aínda hai no chan enreixados que permiten ver o rego subterráneo do río e as poucas anguias que sobreviven).

No medio da historia principal, o río dende Meicende até San Diego, a explicación científica e o drama familiar que supón a destrución das neuronas e da posibilidade de lembrar e aprender, de comunicarse e de amar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...