luns, 7 de marzo de 2016

Curiosidades da rúa de Entrepeñas...

Hai unhas horas subín desde a zona baixa de Labañou-Rosales ata a parte alta (a Agra), onde vivo e traballo. Pasei para atallar pola rúa de Entrepeñas (así chamada posiblemente pola poboación de Guadalajara onde hai un famoso embalse) subindo pola zona de Peruleiro, onde aínda se conservan restos do antigo acueduto que atravesaba a cidade. Os restos mellor conservados están na zona de Santa Margarida, baixando cara a Riazor.

A rúa de Entrepeñas ten a curiosidade de ter dous números oitos: o normal e outro chamado "8 interior" (sic). Ten unha explicación. A mediados dos anos sesenta, a esa altura, había unha casa pequena, de só dúas plantas, de campo, poderiamos dicir. Conforme foi chegando a xente (moita) e se foi urbanizando sen criterio ("ti vai facendo"), toda a mazá foise edificando (toda esa liña de Entrepeñas, a rúa da Agra do Orzán ("Agra del Orzán"), que é a subida ó meu barrio desde a zona da Ronda de Nelle que está próxima ó Paseo das Pontes, a rúa de Meira - a miña- e a rúa das Conchiñas (sic), de tal maneira que a casiña foi emparedada e agora accédese desde un longo corredor desde Entrepeñas. Vese desde enriba porque nas rúas que lindan agora construíron edificios altísimos (onde antes había casas de protección oficial de só varias plantas, pequenas) e vese desde o alto a rareza, que ademais ten un xardinciño...

Curiosidades dun barrio mal feito e sempre moi poboado. Hai cincuenta anos polos veciños das aldeas de toda Galicia e hoxe polos nativos dos países do mundo...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...