venres, 23 de setembro de 2016

Nas Fragas...

Teño experiencia para contar. Onte: Fragas do Eume. Un sitio para ir, sen dúbida.

1ª parte: moi ben sinalizado. Desde o centro de Pontedeume, indo todo recto pola rúa dos institutos e do colexio da Grande Obra de Atocha e despois seguindo polas parroquias de San Cosme de Nogueirosa (que estes días está de festas patronais) e Santa María de Ombre, chégase ata a entrada. Simplemente, é cuestión de poñe-la directa e camiñar e camiñar. A xente saúda cando te ve polos camiños (máis cando estás no parque).

2ª parte: no parque decidín ter unha primeira toma de contacto e ver todo o que me ofrecía, deixando para máis veces facer cousas distintas, non esgotar tódalas posibilidades (ademais sería imposible). Hai áreas recreativas á beira do río e distintas instalacións que humanizan a paisaxe. Pódese ver á beira da senda principal para coches (hai un autobús que leva ata Caaveiro) algún dos muíños xa en ruínas. Hai paneis explicativos da flora e da fauna. Detalle curioso: as corripas (cercados de pedra circulares que protexen as castañas. Hoxe están cubertos de vexetación e tamén medio derruídos). A medida que vas andando, o río vai dominando todo, a auga impregna todo. Á man dereita hai cascadas de auga. Ó longo da senda vas atopando mapas coas rotas de sendeirismo á beira. Para pasar á banda esquerda hai varias pontes colgantes.

3ª parte: o mosteiro. Recoñezo que despois da camiñata dá unha grande ledicia ver o pagamento de tanto esforzo. O mosteiro, restaurado cun enlousado de subida bastante singular e bo (lousa típica), está restaurado e visitable, con mapas e libros que ensinan unha miguiña a historia. Hai unha taberna para recuperar folgos (desta taberna xa eu sabía) e beber un Mencía vendo a pasaixe dende o alto é un pracer impagable.

4ª parte: esta parte eu non a prevía. Decidín seguir unha senda, a dos Comendeiros, que eu xa coñecía por un letreiro dunha das pontes colgantes á ida. Decidín ir todo recto cara ó mosteiro para non perder moito tempo. Esta senda, de servidores dos monxes que atravesaban acotío os montes para os encargos e transaccións, é unha miguiña difícil nalgunhas partes, polo tanto non é recomendable para calquera, hai que ter precaución, pero hai pedras, troncos e cordas dispostos para poñer ben os pés. Non hai que levar demasiadas cousas e ir con vestimenta e calzado cómodos. Hai dúas pontes por se se necesita ir pola primeira para retornar á vía principal, por se un vai máis canso ou ten dificultades para seguir.

5ª parte: chegado á saída, demorei un pouco no edificio expositivo (con paneis moi variados e completos) e nun negocio de hostalería na que non reparara ó comezo que é moi interesante por ofrecer gastronomía con carne, produtos lácteos e vexetais dos concellos do Parque (o Parque Natural é tan grande que abrangue varios concellos da área de Pontedeume. Por exemplo, o mosteiro de Caaveiro está na Capela). Despois de saír, nas áreas recreativas das Xunqueiras un pode gozar coa visión das castañas das árbores e do chan, dentro ou fóra dos ourizos pinchantes e protectores. Moi axeitado xa para este outono que vai entrar...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...