mércores, 16 de novembro de 2016

Outra vez polas Fragas...

Mesmo tendo día libre, non é sinxelo volver ás Fragas porque depende de moitos factores: inexistencia de compromisos, bo tempo, ter todo o día para ti para programa-la ida e a volta sen problema ningún...

O caso é que tiña moitas ganas de volver ás Fragas. Evidentemente, teño a limitación de que teño que ir a pé. De momento non teño nestes meses do inverno, aínda, a opción de ir desde o centro de recepción de visitantes de Esteiro ata o mosteiro de Caaveiro nunha das liñas de buses. Iso facilitaríame por exemplo face-lo camiño da Ventureira ou o que chaman o Camiño antigo da Fraga, unha vez chegado á ponte de Santa Cristina. 

O xoves pasado cheguei unha hora máis tarde ó centro de Pontedeume por un retraso ao coller o bus desde Coruña. Dei en andar. Unha vez chegado ó Portal de Pontedeume desde Nogueirosa e Ombre, fixen o camiño a pé ata Caaveiro (concello da Capela) facendo unha pequena variante con respecto á primeira vez: ir pola ponte de Cal Grande e ir camiñando polos Encomendeiros indo todo seguido até a ponte de Santa Cristina. É moito máis difícil do que din nalgunhas guías e para algunhas persoas NON É NADA RECOMENDABLE POR EXISTIR, AO MEU ENTENDER, PERIGO. Trabuqueime e seguín, nunha encrucillada, por un camiño que non seguira da outra vez, cando fora desde o mosteiro. Hai dúas posibilidades: ir pola beira do río Sesín ou seguir xa todo recto (gáñase tempo) ata a ponte de Santa Cristina, desde onde empeza a subida cara ó mosteiro (non leva os quince minutos dos que se fala nun blogue da rede).

Cheguei ás dúas e media do mediodía ó mosteiro. Ao estar todo pechado e non ter opción de comer no Parque Natural, a única opción era ir todo andando ata Pontedeume e xa comer algo na Cantina do Río Covés, a cinco minutos da parada do autobús próximo á ponte vella da vila. Optei polo máis doado e xa fun pola pista dos coches, ruta que acurta o tempo de volta á vila (aínda así, leva unhas horiñas...).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...