martes, 26 de abril de 2016

No Aquárium...

Creo que non falei, nestes meses de vida do blogue, dunha das nosas estrelas coruñesas: a Casa dos Peixes.

É moi doado de encontrar: está ao pé da Península da Torre e da praia do Areal (o nome oficial é "Lapas", pero o nome antigo é este. De feito, as sucidades da zona da rúa do Areal, no Monte Alto -aínda está esta rúa - verquían nesta praia, que, de feito, case non servía para o baño e empregábase para isto).

Tíñase a grande vantaxe de que podían emprega-las instalacións antigas dunha antiga cetárea. Polo tanto, tiñan recintos que se podían adaptar para peixes sen grande dificultade, tanto por dentro coma por fóra.

As salas son moi distintas. Polo tanto, o paseo vólvese unha aventura e nada aburrido. Son aproveitados moi ben os espazos pequenos para exposicións que van cambiando. Non só son científicas senón tamén históricas (fotografías dos portos de Galicia) e artísticas (as bandas deseñadas que teñen como común motivo o mar).

Hai dúas grandes salas diferenciadas que teñen distintas paisaxes: nunha, na grande que conteñen módulos explicativos dos oceanos e das zonas de costa, hai peixes propios dos litorais de noso e noutro, na zona subterránea, que é a que máis engaiola, porque recrea o submarino do Capitán Nemo de forma circular e, con música clásica, vas vendo as distintas especies, moi diferentes, pasar e ir e vir...

A zona externa convértese nunha grande terraza que dá á inmensidade do oceano Atlántico que nos rodea e invade ó longo de todo o Paseo Marítimo. Ves toda a liña do horizonte e todo o azul que asolaga os ollos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...