mércores, 3 de maio de 2017

Urbano Lugrís na Coruña

Desde hai unhas semanas Urbano Lugrís amosa todo o seu esplendor pictórico na nosa cidade a través dunha magna exposición que abrangue tódalas plantas do local do Cantón e inclúe o restaurado mural da Coruña (versión adaptada da mesma península que pintara Baldi no 1669) que estivo no local que ocupou o Banco Hispanoamericano e despois o Vecchio, que se trasladou despois á esquina da Travesía da Mariña.

Con esta mostra, completa e coa visión de toda a obra que Urbano deixou espallada por todo o municipio e resto de Galicia en casas particulares, negocios de hostalería, casas do mar, sanatorios, igrexas (Vilaboa e Visma, esta última en proxecto que non se chegou a realizar) e edificios públicos, a partir do empréstimo das obras dos seus donos, dos fondos de arte de Afundación e de recreacións e fotografías daquelas obras que están pintadas na parede e que non se poden sacar (nalgún caso, coma nun caso da rúa do Pórtico de San Andrés, si se puido sacar), coma no caso do antigo restaurante Fornos. Temos lenzos de grande tamaño, mais tamén letras e miniaturas feitas para a aula infantil da igrexa de Vilaboa (Culleredo) e deseños para cristais.

Urbano tocou case tódalas figuras. Centrouse nos elementos mariños, paisaxísticos e relixiosos. Calquera persoa experta en arte pode identificar ó momento o estilo Lugrís, do mesmo xeito que se pode identificar rapidamente un cadro de Seoane, Díaz Pardo, Laxeiro ou Cebreiro. Mesmo a súa sinatura é tamén unha pequena obra de arte.

As dúas mostras están a poucos metros. Nos días laborables está aberta na maior parte do día ininterropidamente e hai visitas guiadas. Mesmo unha persoa na mesma tarde pode ir á visita guiada do mural coruñés do Vecchio que agora está na sucursal principal de Abanca de San Andrés e despois achegarse á da sede principal do Cantón, que está entre a Fundación Barrié e o edificio do Cine Avenida, coa portada tapada na súa grande parte por publicidade bancaria e que ten a parte superior descuberta.

Coma curiosidade, ó final da exposición da sede do Cantón Grande pódese visitar virtualmente a capela dos Santos Anxos de Bueu, deseñada polo artista e na que houbo cadros del (houbo, por desaparición por roubo).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...