domingo, 1 de novembro de 2015

Día de Santos na Galiza...

Hoxe o día amenceu esplendoroso, como corresponde ó de Santos na nosa terra da Galiza. Tempo de camposantos. Onte atravesei a cidade pola zona da costa, por Zalaeta e Orzán, para ir ó camposanto antigo da Coruña: San Amaro, cheo de historia polas persoas que acubilla. Propaganda dos magostos, dos trucos e dos tratos e das Santa Compañas na rota de ida pola zona que viu os meus primeiros pasos.

Fun directamente á tumba de miña nai, limpa da vexetación que lle medrou. Despois, entretívenme co resto do cemiterio, especialmente co Civil, que sempre tiña o engado do prohibido, dos que vulneraban a norma e se enterraban con campas que só tiñan o nome. Nichos de republicanos e a homenaxe ós comunistas, curiosamente diante do monumento emparedado (non creo que o destruísen) ós soldados alemáns mortos nun accidente aéreo e que se converteu nunha exaltación do nazismo. Nun paseo que non fixen a propósito fun descubrindo nomes ilustres. Algún procureino (Galán Calvete, paseado do Partido Galeguista que ten rúa preto do Cárcere, que está, curiosamente, no nicho da familia Lamas de la Iglesia).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...