sábado, 9 de xullo de 2016

Conservar o que temos...

Estes días anda pola internet unha iniciativa de participación do Concello coruñés na que hai que vota-las achegas de veciños e veciñas. Hai de todo. 

Eu fixeime en dúas e teño serios reparos: unha fala de abrir o Castro de Elviña e derruba-los muros, coma se fose un parque máis, como queren facer no Observatorio do meu barrio (aínda que eu opino que, como está aberto toda a mañá até a mediodía, así está máis protexido do vandalismo, do que xa hai moitas mostras, desgrazadamente, por toda a cidade por sitios recén rehabilitados). O castro é unha zona moi sensible, na que traballan arqueólogos con excavacións, e ademais hai restos milenarios que nunha zona aberta se poden perder pola pouca delicadeza da xente. Cando o Castro de Elviña estaba en aberto, faltaron pedras e non faltaban os que luxaban a zona do Castro ou enmourecían as pedras polas grelladas que se facían.

Tamén se fala de que, aproveitando a futura urbanización de Visma na única zona agreste e rural que queda nesa zona (A Gramela), falan de facer unha vía para automóbiles en dirección á Ronda do Deportivo (chamada popularmente "Terceira Ronda"). Xa hai bastantes urbanizacións, e algunhas teñen serios problemas de venda e pódense ve-los edificios, sen acabar ou xa rematados, sen habitantes. ¿Paga a pena destrozar zonas verdes e enchelos do ruído e da contaminación dos coches cando xa hai ó lado zonas e vías urbanas?

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...