xoves, 16 de xuño de 2016

"Abrindo horizontes"

Por segunda vez visitei hoxe, preto da unha da tarde, con máis calma, a exposición que hai desde o día 14 deste mes chuvioso no Quiosco Alfonso da grande explanada dos xardíns de don Casto Méndez Núñez, a exposición "Abrindo horizontes - abriendo horizontes", con fotos da colección particular de don Valentín Mendía, funcionario e fotógrafo profesional. A base da colección foi editada por Xerais para o seu calendario de 2016. Aquí están ampliadas e complementadas con bandos e mapas.

Para min foi instrutivo aprender que Rubine, a vía que achega á Praza de Pontevedra, antes se chamaba "calle de Riazor", que "Louzás" foi deturpado en "Lonzas" e que Conchiñas tiña manancial e tuberías subterráneas. Tamén deprendín que o topónimo do polígono do Ventorrillo en 1885, era Grela, que delimitaba unha pequena parcela ou aldea e de que "Gramela" aparece en dúas ocasións como "Ramela" (¿será un erro?).

Nunha visita guiada do domingo día 19, ás 12:30 hs., aprendín que don Valentín tiña un grande dominio técnico, porque as fotos, pequenas, puidéronse ampliar para esta exposición e a nitidez non perdeu nadiña. Un detalle: na foto da estación de ferrocarril do Norte da zona da Gaiteira-Corte Inglés un pequeno punto converteuse coa ampliación nun reloxo que detalla as catro da tarde dese día. Aínda que cambiou moito esa zona, pódese recoñecer pola ponte da rúa do Río de Monelos (Parque Europa) e polo derrubado Parque de San Diego. Don Valentín non fotografaba en determinadas ocasións para gañar cartos, porque inmortalizaba obras, nas que se ve o antigo e o moderno, na época do derrubamento da antiga muralla que rodeaba toda a cidade, por exemplo na zona da praza de Ourense (Garás naquela época), o paso á conversión nunha cidade moderna con tódolos adiantes dunha grande urbe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...