venres, 3 de xuño de 2016

Teatro e máis teatro...

Xa anunciara que hoxe e mañá, no Centro Ágora do Ventorrillo-Mariñeiros, haberá adaptación teatral de textos de Cunqueiro. Normalmente este grupo de teatro facía unha soa representación por curso, pero este ano animáronse a sacar dúas (unha en castelán na metade do ano, xa representada, "Yerma", e outra que poñen en escena por primeira vez, e non é unha obra teatral, senón unha adaptación ó escenario de textos do escritor mindoniense). Iso demostra que este grupo está consolidado e aumentan o nivel de traballo e exixencia.

Onte, á primeira hora da tarde, cun sol luminoso e que afuxentaba as depresións, achegueime ata a zona antiga e primeira do municipio, á casona da Condesa, doada para sé da Real Academia Galega, para unha actividade mensual que a Casa-Museo da Pardo Bazán pon tódolos primeiros xoves de mes (con xuño xa rematan, porque no verán pasan á xornada única de mañá para as visitas á planta das habitacións da escritora), con formato de encontro informal con distintos temas e estilos. Hai uns meses, se non me falla a memoria, asistira á posta en escena do Grupo Valacar, do actor Lino Braxe, "a pelo", só coa voz e cos xestos. Onte, por ser fin de curso, representouse no salón de actos, pero foi o mesmo formato, con escenificación de textos dun dos fundadores sobre a guerra de Bosnia e diversos textos de autores consagrados que empregan para os exercicios da Escola Dramática, traducidos todo ó galego, porque teñen a gala o emprego do galego para calquera texto, estilo e autor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...