luns, 16 de maio de 2016

Próximo ás Letras...

Mañá é o Día das Letras Galegas na miña terra. ¿Por que se celebra? Desde o ano 1963 lémbrase a un autor ou a unha autora que dignificase o galego coa súa obra escrita en galego ou en castelán defendendo a dignidade do idioma. Estou pensando en don Manuel Murguía, primeiro presidente da Real Academia Galega, que escribiu pouco en galego pero que defendeu a validez no ámbito formal dun dos meus idiomas, que falto tódolos días.

Precisamente o 17 de maio é a data de aniversario de don Manuel e nese día escribe a súa dona, a arquicoñecida Rosalía de Castro a súa dedicatoria de Cantares Gallegos a Fernán Caballero (Cecilia Böhl de Faber), que foi unha escritora que non se burlou dos galegos, coma agasallo de aniversario.

Letras galegas están inevitablemente unidas ó compromiso de manter vivo o idioma galego (que, moito olliño, non é un dialecto do portugués). Nese compromiso está o profesor e músico Ricardo Marcos Casás Salgado, que recreou, co seu estilo de seguidor do jazz e do blues, as antigas foliadas que a súa avoa e a irmá da súa avoa facían na Vila da Igrexa, no municipio coruñés de Cerceda, cun repertorio que foi recollido pola investigadora suíza Dorothé Schubarth e publicado pola Fundación coruñesa Pedro Barrié de la Maza. O labor de Ricardo Marcos está unido non só ó goce estético senón tamén ó desexo de que a lingua da súa familia non morra, ó fusionar repertorio tradicional con estilos doutros países e doutros contextos e ó empregar o idioma galego nas letras e nas intervencións feitas cara ó auditorio. Fíxose un primeiro concerto o xoves pasado no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, no Convento de San Domingos de Bonaval, próximo á rúa de San Pedro e á Porta do Camiño. Foi un pracer asistir e destina-lo tempo libre persoal ó deleite e tamén ó compromiso cunha cultura concreta, a miña, da que procedemos, aínda que naceramos en plena cidade e empezaramos a falar en castelán na nenez, a pesar de que o galego non só estaba presente na miña familia paterna e na aldea (Carripás-Teixeiro-Concello de Curtis) á que volviamos en agosto senón tamén na escola, na televisión e nas misas dominicais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...