sábado, 14 de maio de 2016

Bibliotecas da Coru...

Onte celebrouse o vixésimoquinto das Bibliotecas Municipais Coruñesas, creadas en pleno mandato de don Francisco Vázquez, con don José Luis Méndez Romeu como concelleiro de Cultura. Este é un dos mellores logros do mandato de don Francisco. Non se limitaron a crear unha grande biblioteca coruñesa senón toda unha rede de bibliotecas que están unidas e que garanten que en cada barrio, mesmo nos máis humildes, houbese un punto de encontro cultural cunha oferta variada, non só restrinxida ó formato clásico do libro.

Non naceu curiosamente no "centro" senón nun dos barrios máis difíciles da Coruña, a Sagrada (Familia) para solucionar problemas graves de convivencia social. En vez de poñer policias, puxeron estímulos de aprendizaxe e alternativas de ocio. Os locais foron doados por unha asociación benéfica católica que construía vivendas a un prezo moi razoable e a poñía á disposición da xente traballadora para que puidese ter un lugar estable. 

Despois foron nacendo máis bibliotecas, non só no mandato do alcalde Vázquez senón no doutro compañeiro de partido, don Javier Losada. A alfaia foi, sen dúbida, acabada no mandato dun alcalde doutro partido, don Carlos Negreira, a grande biblioteca do Centro Ágora, situada na última aldea virxe da Coruña, A Gramela. Como ten grandes vidreiras, vese todo campo que a rodea, todo un luxo para concentrarse e traballar intelectualmente. O meu barrio, a Agra, foi o último barrio que dispuxo de biblioteca propia, a pesar de ser dos máis antigos (construíuse nos anos sesenta). A pesar de todo, como A Coruña é pequena, nun paseo disponse de moitas bibliotecas e centros cívicos. Ademais, contamos cunha inmellorable rede de buses para achegarte a calquera recuncho, mesmo dentro do veciño municipio de Arteixo (pleno centro de Meicende, próximo ó santuario de Pastoriza).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...