martes, 15 de setembro de 2015

Libros...

Dedico a entrada de hoxe ós libros. Estas semanas estou ás voltas con dous libros do meu pasado: "La casa de la Troya", de don Alejandro Pérez Lugín, e a tradución galega do Drácula de Bram Stoker.

Caéronme nas mans na casa, e non puiden evitar pasar tempo con eles. A Casa é unha novela deliciosa, lixeira se se quere pero que toca un chisquiño o corazón. Esa casa de hospedaxe da rúa da Troia de Santiago, próxima á Catedral, pódese visitar aínda hoxe, na tempada de verán. Teño pendente a visita. Supoño que para un de fóra de Galicia a mestura constante de galego e castelán dificultará a lectura, pero é un canto á nosa terra e á nosa cultura, se se quere desde unha visión sentimental e afectiva, sen entrar en compromisos políticos e sociais. É unha perfecta guía para visitar Santiago e gozar do casco vello. Se cadra non se está moi de acordo coas gamberradas e co estilo de vida deses estudantes e identificámonos máis con Pulleiro, pero alegrámonos cos amoríos e coa pureza de corazón de Carmiña e Gerardo.

A outra novela non necesita presentación. Eu coñecina no primeiro de Bacharelato na súa versión castelá de Anaya. Logo merquei na Librería Couceiro da Ronda de Outeiro a tradución que fixera a poeta Xela Arias, que finou noviña e foi candidata ó Día das Letras este ano e mailo anterior. Drácula é omnipresente na obra, mesmo cando non aparece. Está aí, sentímolo nas sombras, agachado. Desexamos matalo ó final, porque é un vampiro puro, non coma os de agora, que teñen sentimentos e se namoran. A obra é un retrato fiel da sociedade e da cultura do tempo no que foi escrita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...