xoves, 17 de setembro de 2015

O meu barrio

Vivo na Agra do Orzán desde neno. É un barrio que ten unha das maiores densidades de poboación de toda España. Hai toda a oferta de servizos desde sempre, case non hai que desprazarse ás grandes áreas ou ó centro. 

Desde hai uns cantos anos temos un grande centro cultural chamado Ágora, na aldea da Gramela, un dos poucos recunchos de aldea que quedan da antiga agra, na antiga parroquia de San Pedro de Visma, pertencente ó anexionado Concello de Oza do que xa falei. Tamén queda a zona rural da Silva, que necesitaría unha restauración da maior parte das casas e destinala a vivenda social. É moi recomendable a subida ó alto da Pena Moa, que agora, coma hai cincuenta anos, volve ser un grande prado verde, ideal para ver a maior parte da península e camiñar en soidade e paz.

Nos anos sesenta-setenta do século pasado nutriuse da xente das aldeas que viña fuxindo da dureza do agro (o meu pai e os meus tíos, entre eles) para ir traballar ás industrias. Agora veñen inmigrantes de case tódalas nacións do mundo para sobrevivir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...