mércores, 23 de setembro de 2015

Sherlock Holmes

Sherlock Holmes xunto coas novelas de terror da colección "Tus libros" de Anaya fixéronse presentes na miña vida na adolescencia. Descubrín as novelas de Holmes na devandita colección de Anaya, pero tamén accedín ás traducións galegas que publicaba Xerais. Engaioláronme sempre. Teñen unha estrutura sinxela de relato curto con linguaxe accesible e do común, con moitos detalles da época victoriana e unha moi lograda descrición psicolóxica das personaxes.

Lémbrome de ser seguidor da tradución galega da versión televisiva nas medianoites dos sábados (a arquicoñecida de Granada TV) con Jeremy Brett de protagonista, o mellor Sherlock de tódalas adaptacións audiovisuais. Caracterizábanse por unha versión literal dos textos literarios e unha moi boa ambientación.

En cada relato mantense a intriga, Conan Doyle non deixa ningún cabo solto e non o pon doado ó lector ou á lectora para descubri-lo desenlace. O que me gusta de Holmes é que traballa por amor á arte, apaixónao un caso cheo de matices e curiosidades, difícil, que espolee o seu cerebro e o faga traballar ("nada hai máis interesante que un caso no que todo está contra ti") e combater contra tódalas dificultades. Pero Holmes ponse da parte do criminal cando este tivo que atentar contra as leis se o fixo para defender un inocente. Ten conciencia e principios éticos ("en cen mil casos xamais puxen a miña intelixencia ó servicio do mal") que mantén sempre en beneficio dos débiles e da súa patria, Inglaterra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

¡Salta!

Esta peli é unha obra mestra. Veño de ver agora un dos sitios clave do argumento. Rodada principalmente na Coruña, presenta os mundos da xer...