Volvo falar de Museos e tamén Museos da Coruña. O Museo de hoxe é un histórico do Patrimonio Coruñés, que non desapareceu de milagre, no medio dos Cantóns, sitio no que desapareceu tanto patrimonio artístico-histórico fermoso: o Quiosco Alfonso, que antano foi cinema, nun sitio no que había moitísimos pazos de cinema. Afortunadamente, non desapareceu e desde hai xa tempo acolle exposicións municipais.
Actualmente acolle unha exposición de fotos de oceanos, que mestura a beleza e a concienciación pola natureza. Ten dúas plantas, divididas en dúas partes, esquerda e dereita. Cada parte ten unhas pequenas escaleiras que permite acceder á planta superior. Cada escaleira dá a un pequeno recibidor que ten dous corredores que dan acceso á estancia grande do fondo, que soe albergar cadros grandes ou obras moi grandes. Desde arriba tense unha visión diáfana de abaixo. O ambiente calmado permite un paseo lento que nos permite recrearnos coas obras de arte. Varíanse as expos con certa frecuencia, así que temos ganas de baixar ó centro para ter a sorpresa dunha nova expo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario